Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Santa Comba aposta novamente polo coidado e benestar das coidadoras informais

Fundación Mujeres desenvolveu no Concello de Santa Comba un novo programa de obradoiros dirixido a mulleres coidadoras, ex coidadoras e tamén a aquelas que, pola súa situación persoal e familiar, poden asumir este rol. Trátase da segunda vez que esta iniciativa se leva a cabo no municipio, tras unha primeira edición realizada no ano 2023, o que reflicte o interese do propio Concello por retomar esta experiencia debido á importancia e aos beneficios detectados na súa anterior realización.

A actividade desenvolveuse ao longo de 6 sesións, cun total de 14 mulleres participantes, consolidándose como un recurso de apoio necesario para o benestar das coidadoras non profesionais. Durante os encontros abordáronse contidos relacionados coa xestión emocional e coa aprendizaxe de como poñer límites, proporcionando ferramentas prácticas para afrontar situacións cotiás vinculadas ao coidado e á vida persoal. O programa incluíu tamén un taller Stand Up de prevención do acoso en espazos públicos, no que se reflexionou sobre esta problemática e se ofreceron estratexias para actuar de forma segura ante posibles situacións de acoso.

O feito de que esta iniciativa volva desenvolverse en Santa Comba, permitiu reafirmar a súa utilidade como espazo de confianza e apoio, no que as participantes puideron compartir vivencias, sentirse acompañadas e establecer redes de apoio mutuo, aspectos especialmente valorados polas propias mulleres.

A valoración desta edición foi novamente moi positiva, poñendo de manifesto a necesidade de dar continuidade a este tipo de actuacións no ámbito rural e reforzando a aposta institucional por programas que contribúan á mellora da calidade de vida das mulleres coidadoras.

Dende Fundación Mujeres queremos agradecer especialmente ao persoal técnico do Concello de Santa Comba a súa implicación e o seu interese en volver impulsar esta iniciativa, recoñecendo a relevancia que ten para o benestar das mulleres do municipio. Así mesmo, agradecemos a participación activa de todas as mulleres que formaron parte deste proceso.

O Servizo terá continuidade ao longo deste ano, estando prevista a realización de novos itinerarios noutros concellos da provincia, co obxectivo de achegar o Servizo Integral de Apoio a Coidadoras no Medio Rural a máis mulleres e territorios. Dende Fundación Mujeres continúase a traballar en colaboración coas administracións locais para dar resposta ás necesidades detectadas e seguir creando espazos de apoio, formación e acompañamento que contribúan a mellorar o benestar e a calidade de vida das coidadoras familiares no ámbito rural.

Este programa enmárcase no Servizo Integral de Apoio a Coidadoras no Medio Rural (SAIC Rural), financiado pola Deputación da Coruña.

Para máis información, pódese contactar coa Fundación Mujeres no teléfono 981 29 40 97 (ext. 6006) ou no 657 61 32 15. ¡Agardámoste!

Contenido relacionado