Fundación Mujeres desenvolveu no Hospital Abente y Lago (A Coruña), en colaboración co ACIS, un espazo de participación dirixido a mulleres coidadoras, ex coidadoras e potenciais coidadoras de familiares, co obxectivo de ofrecer un lugar de encontro, reflexión e apoio arredor da saúde emocional e das experiencias vinculadas ao coidado.
A actividade, centrada na xestión do dó, contou coa participación de máis de 30 mulleres, poñendo de manifesto a necesidade e o interese por este tipo de espazos de acompañamento colectivo.
Ao longo da xornada abordáronse cuestións como o concepto e as distintas etapas do dó, as reaccións habituais asociadas ás situacións de perda e as habilidades necesarias para o manexo das emocións, especialmente no caso de persoas que desempeñan ou desempeñaron tarefas de coidado. A sesión foi impartida por Marichel Costas Manzanares, enfermeira, quen achegou unha mirada profesional e próxima sobre este proceso vital.
Este espazo permitiu non só achegar información e ferramentas prácticas, senón tamén favorecer a creación dun clima de confianza no que compartir vivencias, reducir o illamento e reforzar as redes de apoio mutuo entre mulleres con traxectorias de coidado diversas.
Dende Fundación Mujeres salientamos a importancia da colaboración co ACIS, que fixo posible o desenvolvemento desta iniciativa, así como a participación activa das mulleres asistentes, cuxas achegas enriqueceron o intercambio e a reflexión colectiva.
Esta actuación enmárcase no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no municipio de A Coruña, financiado polo Concello de A Coruña.
Se queres saber máis das actividades enmarcadas neste Servizo, non dubides en contactar connosco a través dos teléfonos 981 29 40 97 ou 657 61 32 15. ¡Agardámoste!




