No marco das actividades do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no Municipio da Coruña, financiado polo Concello da Coruña, Fundación Mujeres organizou o pasado venres 28 de novembro unha conferencia na Casa Museo Casares Quiroga centrada na recuperación da memoria das mulleres invisibilizadas dende séculos.
A sesión, baixo o título de “Mulleres silenciadas ao longo da historia”, foi impartida pola creadora da conta de divulgación feminista en redes sociais @nomellames.tola, un espazo onde recolle e difunde as historias de centos de mulleres que, por diferentes motivos, foron silenciadas ou borradas dos relatos oficiais.
Ao longo da charla, presentouse a traxectoria dalgunhas das mulleres esquecidas e reflexionou sobre cómo se nos contou a historia: baixo a idea estendida de “separar a obra do artista” foron moitas persoas as que atoparon unha forma de ocultar actitudes marcadas polo machismo. A súa intervención convidou a cuestionar os discursos tradicionais e a abrir novas miradas sobre a contribución feminina ao longo dos séculos.
A resposta das asistentes foi moi positiva. Case 40 mulleres coidadoras participaron activamente no encontro, compartindo experiencias persoais, coñecementos e reflexións sobre os mecanismos que aínda hoxe continúan invisibilizando ás mulleres.
A través deste tipo de encontros, Fundación Mujeres continúa impulsando os espazos de participación para favorecer a activación social e a posta en valor das mulleres coidadoras na cidade da Coruña.
Agradecer ao Concello da Coruña a cesión deste espazo municipal para desenvolver a actividade.
Se estás interesada en participar nos itinerarios do segundo semestre, podes contactar connosco a través do teléfono 981 29 40 97 (ext. 6006). ¡Agardámoste!




