Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Creando espazos para canalizar emocións, crear sinerxias e descubrir mulleres artistas

No marco do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no Municipio da Coruña, desenvolvido por Fundación Mujeres e financiado polo Concello da Coruña, o luns 17 de novembro celebrouse no Centro Cívico de Monelos o Espazo de Participación “Arteterapia: As cores do Coidado”, dirixida a mulleres coidadoras do Servizo. Esta actividade forma parte das accións orientadas a promover o benestar emocional, o autocoidado e o empoderamento das mulleres que sosteñen os coidados no ámbito familiar e comunitario.

A actividade xerou un espazo seguro, creativo e altamente participativo, no que as mulleres asistentes tiveron a oportunidade de expresar e canalizar as súas emocións e sentimentos a través da arte, empregando diferentes materiais e dinámicas de creación plástica, entre elas, o puntillismo, o collage e a pintura acrílica.

Ademais, aproximouse ás participantes a diversas mulleres artistas, coñecendo as súas técnicas, estilos e formas de entender a creación artística, o que serviu de inspiración para que puidesen explorar a súa propia expresividade e experimentar con novos recursos creativos.

Do mesmo xeito, profundizouse nos beneficios da arteterapia para as mulleres coidadoras, destacando o seu papel no:
●    Autocoñecemento
●    Estímulo da creatividade
●    Liberación da tensión e o estrés
●    Posibilidade de empregar a comunicación non verbal a través da arte, facilitando así a expresión de vivencias e emocións que ás veces resultan difíciles de verbalizar.

Ao longo da sesión xeráronse importantes sinerxias dentro do grupo, favorecendo a conexión entre as participantes, a escoita activa, o apoio mutuo e o recoñecemento das súas vivencias como coidadoras.

Dende Fundación Mujeres poñemos en valor este tipo de espazos que permiten traballar o benestar emocional, fortalecer a autoestima e fomentar a participación activa das mulleres coidadoras, elementos fundamentais para mellorar a súa calidade de vida e consolidar redes comunitarias de apoio.

As mulleres interesadas en coñecer máis sobre o Servizo ou sobre outras iniciativas da Fundación poden contactar a través do teléfono 981 29 40 97 ou do correo electrónico saicgalicia@fundacionmujeres.es.

Contenido relacionado