Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Comezan as formacións do 2026 enmarcadas no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural

Fundación Mujeres levou a cabo no Concello de Betanzos un itinerario de obradoiros dirixido a mulleres coidadoras, ex coidadoras e tamén a aquelas que, pola súa situación vital, poderían asumir este papel no futuro.

A iniciativa desenvolveuse na parroquia de Infesta, ao longo de 7 sesións, nas que participaron un total de 12 mulleres, e estivo orientada a reforzar o empoderamento persoal e favorecer a activación social das asistentes, tendo moi en conta as dificultades específicas asociadas ao coidado no ámbito familiar.

Ao longo das distintas sesións traballáronse contidos centrados no autocoidado e na xestión emocional, ofrecendo ferramentas para mellorar o benestar persoal e afrontar o día a día con maior equilibrio. Ademais, o programa incluíu un taller Stand Up de prevención do acoso en espazos públicos, que permitiu reflexionar sobre esta problemática e dotar ás participantes de recursos para actuar de forma segura ante posibles situacións de acoso no ámbito comunitario. Este itinerario favoreceu tamén a creación dun espazo de confianza no que compartir vivencias e fortalecer redes de apoio mutuo.

A valoración por parte das participantes foi moi positiva. Durante o desenvolvemento das actividades e especialmente no acto de peche, expresaron a súa satisfacción por contar cun lugar seguro no que poder falar con liberdade e sentirse escoitadas, algo que, en moitos casos, resulta difícil na súa contorna máis próxima.

Dende a Fundación Mujeres queremos poñer en valor a colaboración e implicación do persoal técnico do Concello de Betanzos, cuxa disposición e compromiso permiten dar continuidade ao Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural ano tras ano. Así mesmo, agradecemos de xeito especial o interese e a participación activa de tódalas mulleres que formaron parte deste proceso.

Este programa enmárcase no Servizo Integral de Apoio a Coidadoras no Medio Rural (SAIC Rural), financiado pola Deputación da Coruña.

Para obter máis información sobre as actividades deste servizo, pódese contactar coa Fundación Mujeres no teléfono 981 29 40 97 (ext. 6006) ou no 657 61 32 15.  ¡Contamos contigo!

Contenido relacionado