Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Remata a formación realizada no Concello de Betanzos no marco do Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no medio Rural

Dende o mes de xuño ata novembro, talleres coma o de Identidade e Autoestima, Relaxación, Xestión Emocional e Como poñer límites marcaron o itinerario escollido este ano dende o Concello de Betanzos para fomentar o empoderamento persoal e a activación social das mulleres coidadoras, ex coidadoras ou potenciais coidadoras, reducindo así á súa vez as consecuencias negativas derivadas de exercer este rol no entorno familiar e ofrecéndolles un espazo onde fomentar o intercambio de experiencias e o establecemento de redes de apoio mutuo.

Tanto ao peche destes talleres como durante o proceso, comprobouse, tal e como as participantes manifestaron, que esta experiencia foi moi positiva xa que, segundo comentaron, é moi necesario ter un espazo onde poidan compartir as súas vivencias e expresarse libremente sen sentirse xulgadas, feito que na súa contorna máis próxima ás veces non é posible.

Dende a Fundación Mujeres queremos dar as grazas ao Persoal Técnico do Concello polo seu interese e implicación para dar continuidade ao SAIC rural ano tras ano e agardamos, pola nosa parte, poder continuar coa nosa intervención coas usuarias no marco deste Servizo para seguir mellorando o seu benestar e a súa calidade de vida global. Así mesmo, agradecer a cada unha das participantes o seu interese e poñer en valor o traballo que levamos a cabo.

Este proxecto enmárcase no Servizo Integral de Apoio ás Mulleres Coidadoras no Medio Rural financiado pola Deputación de A Coruña.

Se estás interesada en coñecer tódalas actividades deste Servizo contacta connosco no teléfono 981 29 40 97 (ext. 6006).

Contenido relacionado