Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Un ano máis, Bergondo apostou polo benestar integral das coidadoras non profesionais

No marco do convenio nominativo co Concello de Bergondo para a cofinanciación do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no Medio Rural, financiado pola Deputación da Coruña, Fundación Mujeres levou a cabo actividades encamiñadas a mellorar a situación social, a calidade de vida e o pleno exercicio dos dereitos das mulleres.

O itinerario formativo desenvolveuse co obxectivo de contribuír ao fortalecemento persoal e social das mulleres coidadoras informais de persoas con dependencia no ámbito familiar. A través destas accións promoveuse un proceso de reflexión e análise sobre as situacións cotiás e particulares que afrontan, así como sobre o impacto que estas teñen no seu benestar integral. Este ano centrouse de maneira especial na xestión emocional das mulleres coidadoras, partindo do recoñecemento de que o benestar afectivo e psicolóxico é un elemento clave tanto para a súa saúde persoal como para a calidade do coidado que ofrecen.

O coidado pode xerar sobrecarga emocional, especialmente cando se realiza de forma continuada e sen apoio, polo que se buscaba dar voz ás emocións silenciadas, validar vivencias e fomentar o autocoidado. Para isto, leváronse a cabo sesións de xestión emocional para desenvolver estratexias para identificar, expresar e xestionar emocións de forma saudable, recoñecendo o impacto que o coidado ten na saúde física, mental e emocional. Á súa vez, practicouse mindfulness, que contribúe a reducir o estrés, a ansiedade e a sensación de sobrecarga emocional tan habitual nas mulleres que asumen tarefas de coidado prolongado, ofrecendo ferramentas prácticas para manter a conciencia emocional no día a día e favorecendo un estado de calma, presenza e equilibrio interior.

As participantes amosaron unha alta implicación e dispoñibilidade para contribuír de forma activa nos espazos grupais, algo que desde Fundación Mujeres se valora de maneira moi positiva, tendo en conta as dificultades que atravesan para acceder a este tipo de recursos.

Manifestamos, un ano máis, o agradecemento ao persoal técnico dos Servizos Sociais do Concello de Bergondo pola súa colaboración activa na difusión da actividade, así como pola súa disposición e apoio a través da cesión dos espazos municipais necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Para máis información sobre as actividades que Fundación Mujeres desenvolve en Galicia, estamos a disposición da cidadanía a través do teléfono 981 294 097 ou a través do correo electrónico galicia@fundacionmujeres.es

Contenido relacionado