Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Ares e Carnota súmanse ás accións do Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural

Fundación Mujeres puxo en marcha nos Concellos de Ares e Carnota dous novos itinerarios de formación dirixidos a mulleres coidadoras, ex coidadoras e tamén a aquelas que, pola súa situación vital, poderían asumir este papel no futuro.

No caso de Carnota, esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Asociación Son Lila, reforzando así o traballo comunitario e en rede no medio rural.

As actividades desenvolveranse ao longo de varias sesións grupais, creando espazos de encontro, reflexión e apoio mutuo entre as participantes. O obxectivo principal destes itinerarios é favorecer o empoderamento persoal, o benestar emocional e a activación social das mulleres, poñendo especial atención ás dificultades que implica o labor de coidado no ámbito familiar e no medio rural.

Ao longo das diferentes sesións traballaranse contidos relacionados co autocoidado, a educación emocional, a xestión da culpa, os límites persoais e o mindfulness, ofrecendo ferramentas prácticas para afrontar o día a día con maior equilibrio, conciencia e coidado cara a unha mesma. Ademais, os itinerarios incluirán tamén o programa Stand Up contra o acoso en espazos públicos, unha iniciativa orientada á prevención e sensibilización fronte ás situacións de acoso no ámbito comunitario.

Así mesmo, búscase crear un espazo seguro no que as participantes poidan compartir experiencias, sentirse escoitadas e fortalecer redes de apoio entre iguais.

Dende Fundación Mujeres destacamos a importancia de seguir xerando recursos e espazos específicos para as mulleres coidadoras, xa que en moitas ocasións o coidado doutras persoas fai que se esquezan das súas propias necesidades e do seu benestar físico e emocional.

Dende a Fundación Mujeres queremos poñer en valor a colaboración e implicación do persoal técnico dos Concellos de Ares e Carnota, así como da Asociación Son Lila, cuxa disposición e compromiso permiten continuar desenvolvendo actuacións de apoio ás mulleres coidadoras no medio rural. Así mesmo, agradecemos de xeito especial o interese e a participación de todas as mulleres que forman parte destes itinerarios.

Este programa enmárcase no Servizo Integral de Apoio a Coidadoras no Medio Rural (SAIC Rural), financiado pola Deputación da Coruña.

Para obter máis información sobre as actividades deste servizo, pódese contactar coa Fundación Mujeres no teléfono 981 29 40 97 (ext. 6006) ou no 657 61 32 15.

Contenido relacionado