Fundación Mujeres, a través do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no Medio Rural, financiado pola Deputación da Coruña, vén de rematar as actividades desenvolvidas durante o primeiro semestre deste ano en diferentes concellos da provincia.
Ao longo destes meses realizáronse diversos itinerarios formativos e espazos de encontro nos municipios de Infesta (Betanzos), Guísamo (Bergondo), Ares e Carnota, dirixidos a mulleres que coidan ou coidaron de maneira non profesional a familiares con algún tipo de dependencia.
As sesións centráronse no coidado da saúde integral das participantes, promovendo o autocoidado como un piar fundamental para poder coidar doutras persoas. Traballáronse aspectos como a xestión emocional, a comunicación, a importancia de establecer límites saudables, o descanso, a idea de que parar é revolucionario, os hábitos de vida saudables e outras estratexias orientadas ao benestar físico e emocional. Ademais da formación, os grupos participaron en diferentes actividades que favoreceron a creación de redes de apoio, o intercambio de experiencias e o fortalecemento do empoderamento persoal e da participación social das mulleres asistentes.
Dende Fundación Mujeres queremos agradecer a implicación dos concellos, asociacións e entidades colaboradoras que fixeron posible o desenvolvemento deste programa, así como a confianza e o compromiso de todas as participantes, que contribuíron a crear espazos de aprendizaxe, apoio mutuo e crecemento compartido.
Co remate desta primeira etapa, o programa fai unha pausa durante o verán. Á volta das vacacións retomaremos a actividade con ilusión renovada, chegando a novos concellos da provincia para seguir acompañando ás mulleres coidadoras do medio rural e ofrecéndolles ferramentas que contribúan ao seu benestar e á mellora da súa calidade de vida.
Para obter máis información sobre as actividades deste servizo, pódese contactar coa Fundación Mujeres no teléfono 981 29 40 97 (ext. 6006) ou no 657 61 32 15.
Agardámosvos despois do verán!




