Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Fundación Mujeres colabora un ano máis con AFAL

Fundación Mujeres está a levar a cabo un ciclo de obradoiros dirixido a mulleres coidadoras en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de  Alzheimer de Ferrol (AFAL).

Esta iniciativa ten como finalidade ofrecer un espazo seguro, participativo e dinámico  no que as participantes comparten e analizan as súas vivencias relacionadas cos coidados, ao tempo que reforzan a súa autoestima e adquiren ferramentas que favorezan o seu empoderamento persoal. Así mesmo, búscase impulsar a súa participación social e contribuír á mellora do seu benestar xeral e da súa calidade de vida. O programa, que se desenvolve desde o pasado 4 de marzo ata o 29 de abril en horario de 10:30 a 12:30, aborda cuestións fundamentais como o establecemento de límites, a xestión da culpa, o autocoidado e a corresponsabilidade nos coidados, entre outras temáticas.

Todo este proceso está orientado desde unha perspectiva que reivindica o valor social dos coidados, situando ás mulleres coidadoras como suxeitos centrais e recoñecendo o seu papel esencial no sostemento da vida.As sesións celébranse de maneira presencial todos os mércores nas instalacións de AFAL en Ferrol.

Este proxecto enmárcase no Servizo Integral de Apoio ás Mulleres Coidadoras (SAIC), financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Grazas a esta iniciativa, estanse a crear redes de acompañamento e apoio entre as coidadoras, promovendo tamén un cambio na maneira en que se perciben a si mesmas e o seu labor.

Dende Fundación Mujeres quérese agradecer a implicación de todas as participantes e animar a outras mulleres a sumarse ás vindeiras edicións desta iniciativa.
Para máis información, pódese contactar no teléfono 657 61 32 15.

Contenido relacionado