Se abre en una pestaña nueva
Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Bergondo reforzou o seu compromiso co apoio ás mulleres coidadoras a través do programa SAIC

O Concello de Bergondo acolleu unha nova edición do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no Medio Rural (SAIC), unha iniciativa desenvolvida por Fundación Mujeres e financiada pola Deputación da Coruña destinada a acompañar e fortalecer o benestar das mulleres que realizan tarefas de coidado no ámbito familiar. 

O programa reuniu durante varias semanas a un grupo de mulleres que comparten ou compartiron unha realidade común: dedicar unha parte importante das súas vidas ao coidado doutras persoas. Nun contexto no que estas tarefas continúan recaendo maioritariamente sobre as mulleres e adoitan desenvolverse de forma silenciosa e pouco visible, a iniciativa converteuse nun espazo para poñer en valor o papel fundamental que desempeñan na comunidade. 

Ao longo das sesións, as participantes tiveron a oportunidade de reflexionar sobre o impacto que o coidado ten nas súas vidas, abordando cuestións relacionadas coa saúde, o autocoidado, a xestión emocional e os sentimentos de responsabilidade e culpa que con frecuencia acompañan estas experiencias. O traballo realizado permitiu identificar necesidades compartidas e explorar recursos persoais para afrontar os retos do día a día. 

Máis aló dos contidos abordados, os encontros favoreceron a creación dun espazo de confianza no que as participantes puideron expresarse libremente, compartir vivencias e descubrir que moitas das dificultades ás que se enfrontan son comúns a outras mulleres. Este intercambio contribuíu a fortalecer os vínculos entre elas e a reducir a sensación de soidade que ás veces acompaña ás persoas que asumen labores de coidado de maneira continuada. 

A experiencia volveu poñer de manifesto a importancia de crear recursos específicos para as mulleres coidadoras, non só como forma de apoio individual, senón tamén como unha maneira de recoñecer socialmente un traballo imprescindible para o benestar de numerosas persoas e familias. 

Dende Fundación Mujeres valorouse moi positivamente a participación e implicación das asistentes ao longo de todo o proceso, así como a colaboración do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Bergondo, que facilitou a organización e desenvolvemento da actividade. Así mesmo, destacouse o apoio da Deputación da Coruña para facer posible a continuidade dun programa que contribúe a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras do medio rural. 

Para máis información sobre as actividades que Fundación Mujeres desenvolve en Galicia, estamos a disposición da cidadanía a través do teléfono 981 294 097 ou a través do correo electrónico galicia@fundacionmujeres.es 

Contenido relacionado