Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Tempo para min: obradoiros de benestar para coidadoras en Vimianzo e Betanzos

Fundación Mujeres está a poñer en marcha un ciclo de talleres dirixidos a mulleres coidadoras nos Concellos de Vimianzo e Betanzos. Esta iniciativa pretende ofrecer un espazo seguro e transformador no que as participantes poidan reflexionar sobre o seu rol como coidadoras, compartir vivencias, desenvolver habilidades para a xestión emocional e fortalecer o seu benestar persoal favorecendo tamén a súa activación social.

En Betanzos, os obradoiros deron comezo o pasado 25 de abril e desenvolveranse ao longo de sete sesións ata o 20 de xuño. Pola súa banda, en Vimianzo, o itinerario iniciouse o 21 de maio e prolongarase durante seis sesións, finalizando o 25 de xuño.

Os contidos destas sesións céntranse en aspectos clave como a xestión emocional, a resolución de conflitos, o autocuidado, a autoestima e a práctica da relaxación. Desde unha perspectiva feminista, estas sesións buscan visibilizar o valor dos coidados e fomentar que as mulleres coidadoras poñan no centro as súas propias necesidades e dereitos.

As actividades desenvólvense de maneira presencial e contan cun enfoque participativo, no que se promove o intercambio de experiencias e o apoio mutuo entre as participantes. Este espazo convértese así nun lugar de encontro e recoñecemento, onde as mulleres poden sentirse acompañadas e valoradas no seu labor coma coidadoras.

Este programa enmárcase no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural desenvolvido por Fundación Mujeres e financiado pola Deputación da Coruña. A través desta acción, estanse a fortalecer redes de apoio e a mellorar a calidade de vida das mulleres que sustentan os coidados no ámbito familiar e comunitario.

Desde Fundación Mujeres, agradecemos a ambos Concellos a súa colaboración na cesión de espazos para levar a cabo a actividade e tamén pola gran labor de difusión realizada dada a elevada participación activa das máis de 30 mulleres inscritas.
Animamos a todas aquelas interesadas en unirse a contactar connosco no teléfono 981 29 40 97 ou no correo electrónico saicgalicia@fundacionmujeres.es.

Contenido relacionado