O pasado 5 de novembro, en conmemoración do Día Internacional da Persoa Coidadora, celebrouse un emotivo recital de poesía coa obra “Fundido a Negro” de Teresa Ramiro, poeta e usuaria do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no municipio da Coruña, que aceptou a proposta sen pensalo e encantada de poder compartir un momento tan persoal coas súas compañeiras.
A autora, quen atopou na poesía unha forma de refuxio e de autocoñecemento, destacou que escribir permitiulle dar voz ás súas emocións máis profundas e complexas. Nos seus versos, Teresa aborda especialmente aqueles sentimentos máis difíciles, xa que sente a necesidade de expresalos de maneira xenuína, sen maquillalos nin suavizalos. Tivemos o pracer de escoitar da súa propia voz, ademáis da obra Fundido a Negro, outros dos seus poemas inéditos e algún que outro borrador, o que fixo do encontro unha oportunidade única e especial.
Teresa aproveitou o evento para falar sobre os talleres da Fundación Mujeres nos que participa, destacando que foron fundamentais para fortalecer a súa confianza e seguridade persoal. Con orgullo, mencionou que o seu libro foi galardoado recentemente, un recoñecemento que recibe con humildade, pero tamén coa alegría de ver o seu traballo valorado. Este premio representa non só un logro persoal, senón unha homenaxe á dedicación e paixón que puxo na súa arte ao longo dos anos.
Nos seus versos, Teresa transmite as súas emocións con total sinceridade, facendo especial énfase naquelas máis difíciles ou dolorosas. Explica que para ela é vital expresar o que sente tal e como é. A través da súa poesía, revela esas emocións intensas que necesita liberar, permitindo que quen a escoita, neste caso as súas compañeiras, poidan comprender as súas experiencias e ver reflectida nelas unha parte dos seus propios sentimentos.
Na súa obra Fundido a Negro rememora sentimentos da súa infancia, da súa conexión profunda co mar e da súa situación como nai e como coidadora. O mar supón para ela un símbolo chave na súa vida posto que tivo que cambiar de traballo e facerse mariscadora para poder sacar adiante á súa filla con parálise cerebral. A ela lle dedica a maioría dos seus versos, unha mostra de amor incondicional e da súa loita diaria por ofrecerlle unha vida digna e chea de agarimo.
Esta obra tan persoal é un testemuño da súa vida e escoitar os seus poemas é un verdadeiro privilexio, pois neles vemos como unha muller é capaz de reivindicar a súa historia, a súa loita e a súa identidade. Teresa inspira ás súas compañeiras para facer o mesmo, animándoas a expresarse sen medo, a experimentar coa arte e a gozar do seu poder transformador. Todo un exemplo de superación persoal e de resiliencia ante a situación de coidados, e da importancia de poder desenvolver un propio proxecto para a realización persoal.
Agradecer á libraría “A tobeira” de Oza pola cesión do espazo para levar a cabo este espazo de participación.
Esta actividade está financiada polo Concello da Coruña




