Generic selectors
Exact matches only
Search in title
Search in content
Post Type Selectors

NOTICIAS

Mulleres que coidan, mulleres que se coidan: obradoiros para coidadoras en Ferrol e Láncara

Fundación Mujeres está a desenvolver un ciclo de talleres dirixido a mulleres coidadoras, ex coidadoras ou potenciais coidadoras na Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ferrol (AFAL) e na Residencia Serge A Veiga de Láncara. Esta iniciativa ten como obxectivo ofrecer un espazo seguro e enriquecedor onde as participantes poidan reflexionar sobre a súa experiencia como coidadoras, fortalecer a súa autoestima e adquirir ferramentas para mellorar o seu empoderamento persoal e a súa activación social e, polo tanto, o seu benestar integral e a súa calidade de vida.

Os itinerarios, que se están a impartir dende o pasado 17 de marzo e continuarán ata o 19 de maio, abordan cuestións fundamentais como a xestión da culpa, a dependencia emocional, a resolución de conflitos, a importancia de establecer límites e a práctica da asertividade. Todo isto dende unha perspectiva feminista que reivindica o valor dos coidados e a necesidade de poñer no centro ás propias coidadoras, recoñecendo o seu papel esencial no sostemento da vida.

As sesións realízanse en modalidade presencial cada luns tanto nas instalacións de AFAL en Ferrol como na Residencia Serge A Veiga en Láncara. A resposta das participantes foi extraordinaria, reunindo un grupo de 22 mulleres que atoparon neste espazo unha oportunidade para compartir experiencias, escoitarse mutuamente e ofrecerse apoio entre elas.

Este programa enmárcase no Servizo Integral de Apoio ás Mulleres Coidadoras (SAIC), financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Grazas a esta iniciativa, estanse creando redes de acompañamento e reforzo entre as coidadoras, promovendo un cambio na maneira en que se perciben a sí mesmas e á súa labor.

Dende Fundación Mujeres queremos agradecer a implicación de tódalas participantes e animamos a outras mulleres a formar parte.

Para máis información sobre este e outros servizos de apoio a mulleres, as persoas interesadas poden contactar connosco a través do teléfono 981 29 40 97 ou do correo electrónico saicgalicia@fundacionmujeres.es

Contenido relacionado